As dúas oficinas de emprego de Pontevedra estarán operativas a partir de mañá, xa que as dependencias situadas na rúa Eduardo Pondal –no número 32- abrirán de novo as súas portas logo de que rematasen as obras que se acometeron na mesma co fin de mellorar o seu interior e na que se investiron uns 16.000 euros.
Hoxe mesmo rematáronse os últimos detalles para que a oficina poida estar a pleno rendemento desde mañá mesmo. Así, entre outras revisións, comprobouse que funcionaran correctamente todas as conexións dos ordenadores, especialmente co Servizo Público de Emprego Estatal.
Deste xeito, coa reapertura desta instalación, a cidade do Lérez contará esta semana coas súas dúas oficinas do Servizo Público de Emprego abertas ao público. É preciso lembrar que en Pontevedra estaba funcionando unha nova oficina de emprego desde o pasado mes de abril. Foi precisamente, logo da apertura desta última, cando se decidiu comezar as obras para mellorar as instalacións que xa existían e que reabren de novo mañá.
Cabe destacar que a nova oficina de emprego que se puxo en marcha en abril contou cun investimento da Consellería de Traballo e Benestar de preto de 350.000 euros, unha cantidade na que están incluídas as obras e o equipamento destas dependencias.
O obxectivo último deste conxunto de actuacións na cidade de Pontevedra é o de modernizar e ampliar os servizos que se prestan aos desempregados. De feito, estas medidas inclúense no Plan de Modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia que está a levar a cabo o departamento autonómico e que foi consensuado o pasado ano no marco do diálogo social entre Xunta, sindicatos e patronal.
A finalidade deste proceso é adaptar o Servizo Público de Emprego de Galicia ás necesidades actuais dos seus usuarios e traballadores para acadar unha maior eficacia e eficiencia.
Unha vez completado este plan integral de modernización, a intención é que os demandantes de emprego acudan ás oficinas con confianza de que son os mellores instrumentos para poder conseguir un traballo e para orientalos na súa formación e cualificación profesional. Tamén se persigue incrementar a confianza dos empresarios nos servizos que prestan as oficinas de emprego para axudarlles a incorporar os traballadores que máis se axusten a súa oferta.
martes, 14 de junio de 2011
New
Xunta: As dúas oficinas de emprego de Pontevedra estarán operativas a partir de mañá.
XM de Voz de Barro
Voz de Barro. Mail: vozdebarro@gmail.com
xunta
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario