ANTE O INTERESE AMOSADO POLOS ALCALDES, A DEPUTACIÓN ASUMIRÁ DE FORMA INMEDIATA A XESTIÓN DO LIXO - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 6 de marzo de 2012

ANTE O INTERESE AMOSADO POLOS ALCALDES, A DEPUTACIÓN ASUMIRÁ DE FORMA INMEDIATA A XESTIÓN DO LIXO

Unanimidade sobre a necesidade de axustar as taxas dos servizos ao custe real da prestación     

Unificaranse os períodos de cobranza de taxas para os concellos que teñen delegada a encomenda de xestión

Tamén se porá en marcha a encomenda de xestión da recollida de animais abandonados

A Deputación provincial de Pontevedra asumirá de forma inmediata a xestión da recollida de lixo, segundo se acordou esta mañá na xuntanza que o presidente da administración provincial Rafael Louzán, mantivo cos alcaldes, alcaldesas ou concelleiros delegados de 60 concellos da provincia para abordar a xestión conxunta de diversos servizos, entre os que se inclúe a recollida de animais domésticos e a xestión da auga, co obxectivo de gañar en eficacia e aforrar custes,.

Nunha reunión na que tamén participaron o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, o delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, e o responsable de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, houbo unha coincidencia plena na necesidade de establecer fórmulas que permitan aos concellos un maior equilibrio entre o que custa o servizo e o que se recada por el, así como en harmonizar a cobranza de taxas tanto no que respecta á periodicidade do cobro como á cantidade.

A proposta da Deputación provincial de asumir a encomenda de xestión –evitando así a creación de novos órganos que implicaría o consorcio ou mancomunidade de servizos– permitiría un notable aforro, ao implicar a optimización dos recursos, e facilitaría tamén esa unificación buscada.

Durante a xuntanza para avanzar neste campo quedou patente o grande interese dos concellos nestas fórmulas de xestión, e foron varios os que reclamaron que o ORAL estableza xa para os concellos dos que ten encomendada a xestión de tributos, o período de cobranza das diferentes taxas municipais, algo que Rafael Louzán anunciou que se fará nunha próxima xuntanza cos alcaldes para pechar xa a posta en marcha do servizo de recollida de lixo a nivel provincial. Louzán recalcou que, no que se refire ao período de cobranza das taxas, o obxectivo é que en 2013 estea unificado en todos os concellos que teñen delegadas as competencias no ORAL.

CONCRETAR DETALLES
No caso concreto da recollida de lixo, o presidente da Deputación recalcou que o servizo entrará en funcionamento este mesmo ano, o que permitirá tamén solucionar o problema que nestes momentos teñen algúns concellos, como o exposto pola alcaldesa de Silleda, de estar prestando o servizo de forma indirecta sen un contrato actualizado e para os que é especialmente urxente poder sumarse á encomenda de xestión se así o prefiren.

Por iso, indicou que en breve se convocará unha nova xuntanza cos alcaldes na que xa se poidan pechar os detalles desta encomenda. Louzán indicou que é imprescindible saber cantos e qué concellos se sumarán a este servizo para poder establecer as taxas do servizo, os recursos que se porán en marcha e as rutas.

AFORRO
Os cálculos da Deputación –feitos para os 35 concellos que hoxe en día teñen xestión directa da recollida de lixo-  suporía aforrar un 30 por cento dos efectivos. A este aforro sumaríase o acadado pola optimización das rutas, que poderían facerse de forma máis racional e permitindo a redución da distancia de transporte ás plantas de transferencia (nalgúns casos excesivamente longas, como desde Vilaboa ou Valga ata Ribadumia).

Así mesmo, o obxectivo da Deputación e avanzar na reciclaxe e na separación de residuos, por medio tanto da concienciación cidadá como dunha mellor distribución dos contedores. O incremento da separación dos residuos en orixe suporía un notable aforro na cota de recollida de lixo.

RECOLLIDA DE ANIMAIS ABANDONADOS
Outro dos ámbitos nos que a Deputación provincial xa ten moito avanzado de cara a asumir a encomenda de xestión é a da recollida de animais abandonados e a xestión de restos de animais mortos.

Este servizo, que tamén podería entrar en funcionamento neste mesmo ano, incluirá servizo de lacería, atención veterinaria, coidado e vixilancia dos animais recollidos, xestión da localización dos propietarios, fomento das adopcións no propio centro e vía web, concienciación social contra o abandono dos animais e a prol dunha tenencia responsable; e a posta en marcha dunha incineradora para a xestión dos animais mortos, xa que na actualidade non existe ningunha en toda a provincia.

Este servizo prestaríase nas instalacións da canceira de Meis, onde tamén se estuda a construción da incineradora. Louzán avanzou que o servizo  incluiría tamén labores orientadas a fomentar a creación dun censo de animais domésticos e a promover a colocación dos microchips, así como a posibilidade de ofertar terapias de rehabilitación en colaboración con diferentes colectivos sociais.

Neste caso, Louzán indicou que a Deputación baralla a posibilidade de que os concellos se poidan adherir a este servizo por medio de diferentes fórmulas, especialmente dada a notable diferenza no custe do transporte dos animais ata o recinto de Meis en función da distancia do concello acollido. Unha posible solución sería a de que os concellos máis afastados puidesen trasladar directamente os animais cun vehículo propio adaptado.

O presidente da Deputación anunciou que a xestión das instalacións se concederá por medio de concurso público aberto ás protectoras e empresas e no que se elixirá “o mellor servizo coas garantías de que non hai maltrato animal”.

XESTIÓN DA AUGA
Finalmente, a Deputación provincial está a traballar na posible xestión do ciclo da auga en todos os concellos, o que permitiría incrementar a captación de fondos para a modernización e mantemento das redes de abastecemento, saneamento e depuración, así como avanzar na homoxeinización das taxas e do servizo e na concienciación social sobre o uso racional dos recursos hídricos.

Nesta materia, Louzán indicou que analizará co conselleiro de Medio Ambiente a fórmula que se pode seguir.

APOIO DA XUNTA
Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente amosou o “compromiso da Xunta” de apoiar este tipo de iniciativas porque está demostrado que “a xestión compartida é sempre máis eficaz”.

Incidiu tamén, coincidindo cos alcaldes e co presidente da Deputación, en que a clave está “en que é necesario axustar o cobro ao custe real dos servizos”.

Para iso, a cooperación é fundamental porque permite reducir o custe e, polo tanto, fai máis doado ese axuste. Finalmente, Rafael Louzán fixo un chamamento para “que non se usen estes temas como arma política arroxadiza” e chamou á sensatez e á responsabilidade, porque é un asunto que beneficia a todos e que non debe ser utilizado políticamente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario