A Ministra de Fomento, Ana Pastor realizou esta tarde unha visita institucional a Pontevedra, onde coñeceu de primeira man as necesidades tanto deste Concello como da Provincia. A súa primeira  xuntanza foi no Pazo Provincial onde se entrevistou co Presidente da  Deputación e cos alcaldes da contorna. Aquí falaron de asuntos básicos  para esta comarca que a Ministra se comprometeu a estudiar desde o  Goberno Central. Amais dos tres grandes eixos do Aeroporto de Vigo, a  Estrada A-57 e a remodelación da Autoestrada do Atlántico, o Presidente  Provincial apuntou outra serie de necesidades máis concretas como a  mellora da seguridade viaria do enlace ca AP-9 á altura de Caldas de  Reis-Carracedo, en dirección a Santiago. Malia a crise actual, a  Ministra asegurou que o seu departamento traballará a reo para quitar  adiante estas necesidades. 
 Nesta  visita Pastor estivo acompañada polo Conselleiro de Medioambiente e  Infraestructuras, o Secretario de Estado e o Delegado do Goberno aquí en  Galicia. Con eles estreitou lazos de colaboración.  
 No  transcurso do acto a Ministra tivo a oportunidade de asinar no libro de  honra da Deputación e recibiu de bo grao unha camelia feita en prata,  quizais a flor máis característica desta Provincia. A visita da Ministra  rematou cun encontro no Concello de Pontevedra, onde foi recibida polas  autoridades municipais da Cidade do Lérez. 
No hay comentarios:
Publicar un comentario