Facilitar o acceso dos cidadáns á doazón de sangue é o principal  obxectivo da campaña de doazón en Semana Santa que promove a Consellería  de Sanidade, por medio do Centro de Transfusión de Galicia  (CTG). As dez unidades móbiles do CTG visitarán, nos vindeiros días  preto de 50 concellos galegos para acadar unha media de 500 doazóns de  sangue diarias, as precisas para garantir o desenvolvemento do labor  asistencial dos nosos centros sanitarios. 
As necesidades de compoñentes sanguíneos non  diminúen neste período vacacional, xa que se incrementan as urxencias  derivadas dos accidentes de tráfico e é necesario manter estable o  volume de doazóns de sangue, nun período no que se rexistra  unha maior deslocalización dos doadores e doadoras habituais.
Obxectivos
Durante a campaña de Semana Santa do presente ano, o  CTG tenta acadar unhas 2.500 doazóns de sangue, cifra que garante o  axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos centros sanitarios  galegos. Ademais, faise precisa a colaboración  de doadores e doadoras de todos os grupos sanguíneoso.
O CTG agarda, novamente, contar coa participación  dos cidadáns e, para iso, ofrecerá as máximas facilidades aos cidadáns,  mediante o desprazamento de dez unidades móbiles cada día que efectuarán  as seguintes visitas:
|   DATA  |    CONCELLOS  |  
|   Venres 30 de marzo  |    Ames (Bertamiráns),  Cambre (O Temple), Cee, Oroso (Sigüeiro), Paderne, Chantada, O Barco de  Valdeorras, A Estrada, Redondela e Vigo (Barrio O Calvario).  |  
|   Sábado 31 de marzo  |    Cambre (O Temple), Oroso (Sigüeiro), Alfoz, A Estrada e Vigo (Barrio O Calvario).  |  
|   Luns 2 de abril  |    A Coruña (Zona Juan  Florez), Betanzos, Brión, Ferrol (Zona Caranza), Santa Comba, Foz,  Ourense (Rúa do Paseo), Gondomar, Lalín e Mos (Tameiga).  |  
|   Martes 3 de abril  |    Arteixo, Carballo, Mazaricos (A Picota), Pobra do Caramiñal, Pontedeume, Ribadeo, O Carballiño, Lalín, Moaña e Porriño.  |  
|   Mércores 4 de abril  |    Carballo, Cedeira, Laxe, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Viveiro, Verín, Cangas do Morrazo, Marín e Moaña.  |  
|   Sábado 7 de abril  |    Carballo, Ferrol (Praza de Armas), Ribeira, Viveiro, Cangas do Morrazo e Marín.  |  
Ademais, tamén existe a posibilidade de doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:
|   LUGAR  |    HORARIO  |  
|   CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA (Santiago)  |    Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas  |  
|   COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DA CORUÑA (A Coruña)  |    Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas  |  
|   HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE (Ferrol)    |    Luns e venres das 8.00 ás 22.00   Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas  |  
|   HOSPITAL LUCUS AUGUSTI (Lugo)  |    Luns a venres das 8.00 ás 15.00 horas  |  
|   COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE OURENSE (Ourense)  |    Luns das 8.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas Venres das 15.00 ás 22.00 horas  |  
|   HOSPITAL PROVINCIAL (Pontevedra)  |    Luns e venres das 8.00 ás 15.00   Martes, mércores e xoves das 15.00 ás 22.00 horas  |  
|   HOSPITAL NICOLÁS PEÑA (Vigo)  |    Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas  |  
Cómo participar
Pode doar sangue calquera persoa de máis de 18  anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido  enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C,...). 
A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a  moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa  vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario