§ Galicia acadou por 12º ano consecutivo a taxa de doazón que recomenda a Organización Mundial da Saúde
§ No pasado 2011 inauguráronse locais de doazón nos principais centros hospitalarios da Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense, para tentar facilitar o acceso á doazón
§ Para o ano 2012 precísanse 123.000 doazóns en GaliciaAs 116.112 doazóns de sangue rexistradas en Galicia no pasado 2011 supuxeron que a nosa Comunidade Autónoma acada, por décimo segundo ano consecutivo, as taxas de doazón de sangue que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Así o salientou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, que estivo acompañada pola xerente do Servizo Galego de Saúde, Mª Nieves Domínguez González, e pola directora do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), María Inmaculada Rodríguez Calvo, na presentación dos datos de actividade do CTG no pasado exercicio.
Rocío Mosquera indicou que, a pesares do descenso do 1% rexistrado nas campañas de doazón de sangue desenvolvidas polo Centro de Transfusión de Galicia (CTG) no ano 2011, Galicia mantivo a súa taxa de participación en torno ás 42 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, ao tempo que convidou aos cidadáns a participar activamente doando sangue ao longo do 2012 nos locais de atención permanente ao doador das sete grandes cidades galegas e nas dez unidades móbiles do CTG.
Factores sociodemográficos
Tanto a conselleira de Sanidade como a directora do Centro de Transfusión de Galicia coincidiron en salientar que, factores sociodemográficos como o envellecemento da poboación galega nos últimos anos, o crecemento negativo e a dispersión da poboación (Galicia posúe o 55% dos núcleos poboacionais existentes en toda España), son algúns dos factores que dificultan a organización das campañas de doazón e que poden explicar a diminución das doazóns que experimentou Galicia nos últimos anos.
Non obstante, Rocío Mosquera apelou á probada solidariedade dos galegos para remontar este lixeiro descenso e incrementar o volume de doazóns de sangue no presente exercicio.
Pola súa banda, a directora do CTG lembrou que, dentro do programa de melloras que está a desenvolver a Consellería de Sanidade por medio do Centro de Transfusión de Galicia, no pasado 2011 inauguráronse locais de doazón nos principais centros hospitalarios da Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense, para tentar facilitar o acceso á doazón ao maior número de cidadáns posible. Ademais, neste ano levaranse a cabo novas campañas informativas de promoción da doazón de sangue no ámbito intrahospitalario.
Doazóns de aférese
Durante o acto de presentación do balance de actividades do Centro de Transfusión de Galicia, púxose de manifesto a elevada participación dos cidadáns no programa de doazón mediante aférese, do que, no pasado ano, se rexistraron 7.452 procesos.
A doazón mediante aférese permite a obtención dos diferentes compoñentes sanguíneos por separado e nun mesmo proceso e permite mellorar a calidade transfusional e a asistencia sanitaria a doentes que padecen diferentes enfermidades como o cancro (leucemias, etc) e nos transplantes de medula ósea.
Agradecemento
A directora do Centro de Transfusión de Galicia manifestou o seu recoñecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue, e salientou o papel dos medios de comunicación na distribución de información vencellada con este xesto solidario.
A conselleira de Sanidade tivo así mesmo verbas de agradecemento para todos os cidadáns que colaboraron doando sangue, ao longo do 2011, e lembrou que, ata o momento, en Galicia tan só doan 4 de cada 100 cidadáns, polo que continuarán desenvolvéndose campañas de doazón para incentivar a incrementar a participación dos galegos e galegas.
Obxectivos 2012
Rocío Mosquera salientou como principais obxectivos para o presente ano, incrementar novamente o número de doazóns e a actual taxa de doazón de sangue, para que se manteña dentro dos parámetros recomendados pola Organización Mundial da Saúde.
No hay comentarios:
Publicar un comentario