Hernández destaca que a achega económica da Xunta co rural de Pontevedra supón o maior investimento en materia de saneamento do Goberno galego
- Este vial, coñecido como Variante de Alba, permitirá conectar as estradas de Vilagarcía e Santiago e evitar o paso actual baixo a liña do ferrocarril
- A actuación complementa a mellora da PO-531 entre Pontevedra e Curro que se transformará nunha vía urbana co obxectivo de compatibilizar o tráfico coa actividade existente na súa marxe
- O conselleiro de Medio Ambiente anunciou a inminente apertura do proceso de información pública do Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local “Xunqueira de Alba”, pertencente ao concello de Pontevedra
- Agustín Hernández participou esta mañá na XXI Edición da Festa do Caldo Galego de Mourente, organizada pola Asociación de veciños do Castro de Mourente
Segundo sinalou o conselleiro esta actuación permitirá solucionar os tráficos periurbanos da capital pontevedresa, mellorando as conexións viarias no norte da cidade mediante un vial con maior capacidade que conecte as estradas AP9, coa PO-531 e o seu enlace coa N-550. A actuación que se programa, coñecida como Variante de Alba, levarase a cabo ao longo de 850 metros e complementa a mellora da capacidade nos 4,6 quilómetros da PO-531 entre Pontevedra e Curro, que se transformará nunha vía urbana co obxectivo de compatibilizar o tráfico coa actividade existente na súa marxe.
Segundo indicou o conselleiro, este novo vial permitirá conectar as estradas de Vilagarcía e Santiago e evitar o paso actual baixo a liña do ferrocarril.
Saneamento do rural pontevedrés
O conselleiro de Medio Ambiente destacou o compromiso da Xunta co rural de Pontevedra e como mostra desta realidade recordou que a achega económica da Administración galega con esta zona supón o maior investimento en materia de saneamento que a Xunta de Galicia está a levar a cabo, coa excepción da depuradora de Vigo.
Lembrou que recentemente a Xunta de Galicia entregou a rede de sumidoiros na parroquia pontevedresa de Santa María de Xeve, actuación incluída no segundo convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Pontevedra para a execución de obras de saneamento en parroquias do rural por importe de 10 millóns de euros.
En concreto, esta obras, cun importe de licitación de 759.531 euros, permitiron dotar ao lugar de Sobral de instalacións hidráulicas para conducir as augas residuais á depuradora ubicada en Praceres. O trazado do saneamento percorre por diferentes lugares da parroquia como: Maunzo, Fragoso, Santa Luz, Filgueira e Sobral, o que implicou instalar case 3.000 metros de tubaxe.
O convenio de colaboración en vigor fixa un investimento de sete millóns de euros por parte da Xunta e tres a conta das arcas municipais. Na actualidade, a Administración Autonómica licitou oito dos nove proxectos que lle corresponden e o último, na parroquia de Lérez licitarase nos próximos días. Todas as obras adxudicadas xa se atopan en execución, salvo a de Tomeza (río Gafos), para a que a Xunta comunicou aos responsables do Concello de Pontevedra que ía realizar un estudo rigoroso e completo da problemática do colector do río Gafos para conseguir solucións realmente eficientes co obxectivo de previr os vertidos a este río, mantendo o compromiso de investimento previsto para a actuación.
ENIL Xunqueira de Alba
Por outra banda, o conselleiro de Medio Ambiente anunciou a inminente apertura do proceso de información pública do Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local “Xunqueira de Alba”, pertencente ao concello de Pontevedra. Este documento, estará a disposición dos interesados durante un prazo de vinte días, a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto na páxina web da consellería (http://medioambiente.xunta.es) como nas dependencias de Medio Ambiente en San Lázaro (Santiago), en Pontevedra, así como no propio edificio do concello pontevedrés.
No hay comentarios:
Publicar un comentario