OS INTERESADOS EN OBTER PRAZA NO CENTRO DE DÍA PRÍNCIPE FELIPE PODERÁN SOLICITALA ENTRE O 16 DE MARZO E O 13 DE ABRIL - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 16 de marzo de 2012

OS INTERESADOS EN OBTER PRAZA NO CENTRO DE DÍA PRÍNCIPE FELIPE PODERÁN SOLICITALA ENTRE O 16 DE MARZO E O 13 DE ABRIL

Establécense 120 prazas para nenos e nenas de entre 4 meses e 16 anos
Os interesados en obter praza no Centro de Día da Cidade Infantil Príncipe Felipe poderán presentar as súas solicitudes desde mañá, 16 de marzo, ata o vindeiro 13 de abril, segundo se recolle nas bases que regulan a admisión neste centro e que foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia.

O Centro de Día Príncipe Felipe atende un total de 120 nenos e nenas de entre 4 meses e 16 anos procedentes de familias que, por diversas situacións, precisan dun apoio diario para completar a formación e a atención dos seus fillos.

Trátase dun servizo para o que adoita haber unha demanda que supera por norma xeral o número de prazas ofertadas. De feito, en 2011 foron 153 as solicitudes de admisión, sendo un dos anos con menos demanda, xa que en 2010 esta cifra foi de 198.

ATENCIÓN COMPLETA
Neste centro, os menores reciben aloxamento diúrno, alimentación, apoio e seguimento escolar, material escolar, financiamento do transporte de proximidade de ida e volta ao domicilio, educación sobre hábitos hixiénicos e de saúde, e poden participar en diversas actividades, así como nos obradoiros de deporte, música, habilidades sociais ou orientación laboral, entre outros.

Trátase dun servizo financiado pola Deputación de Pontevedra co que se pretende garantir as necesidades básicas dos menores e de preservar e potenciar a integración familiar natural, dado que este é o mellor e principal recurso para a protección dos cativos. Nesta liña, o centro mantén unha colaboración permanente coa familia para facilitar a normalización da súa situación.

OBXECTIVOS
Os profesionais que traballan día a día cos nenos e nenas do Centro de Día busca favorecer procesos de integración social tanto persoal coma grupal, impulsando o cambio de actitudes e condutas nos menores para que interioricen hábitos que lles permitan a súa eficaz incorporación social. 

Con esta finalidade, os menores e as súas familias reciben asesoramento e orientación ante problemas ou necesidades concretas e ensínaselles a afrontar cos seus recursos persoais situacións problemáticas ou de risco social.

Todo iso nunhas instalacións perfectamente adaptadas, con espazos para o xogo e numerosas instalacións deportivas e de recreo como campo de fútbol, pavillón polideportivo, piscinas ou bambáns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario