Os interesados en participar na acción formativa que se celebrará o día 19 no Palacete Mendoza deberán solicitalo antes do 15 de marzo
A Deputación Provincial de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas celebrará o vindeiro 19 de marzo unha xornada de Turismo Accesible no emblemático Palacete das Mendoza. Esta iniciativa, que se desenvolverá de 09:00 a 14:00 horas, terá por obxecto contribuír á que técnicos e xestores do destino Ría Baixas adquiran unha formación mellor e máis completa o que redundará nunha maior calidade da atención dos profesionais do turismo.
Precisamente, esta iniciativa responde a un compromiso establecido o pasado novembro cando o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o presidente de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, mantiveran unha xuntanza de traballo con máis de 50 bolseiros/as das oficinas de turismo da provincia de Pontevedra. Tras esta reunión, Louzán manifestara a súa intención de poñer en marcha un curso ou actividade formativa relacionada coa atención do turista con discapacidade co fin de “que dispoñamos dun persoal perfectamente cualificado para atender ás persoas con calquera tipo discapacidade, especialmente na comarca do Salnés onde coa construción das Pousadas 100% accesible se espera no futuro a chegada dun importante número de turistas con este perfil”.
Inscrición
Os interesados en participar poderán descargar a solicitude na páxina web de Turismo Rías Baixas. Unha vez cumprimentada deberán envíala por Fax (986 868 750) antes do próximo día 15 de marzo. A inscrición realizarase por rigorosa orde de recepción de solicitudes xa que hai prazas limitadas.
O programa
O programa da actividade dará comezo con dúas ponencias a cargo de José Manuel Cabada Álvarez presidente de ACTURACCIA, a primeira ás 09:00 horas na que disertará sobre “Os dereitos e a imaxe social das persoas con discapacidade” e a segunda a partires das 10:00 horas cunha ponencia sobre “O Turismo para Todos, innovación turística”.
Tras un descanso de 15 minutos dará comezo a terceira intervención a cargo de Paulo Fontán, Presidente de AMIZADE que ás 11:15 horas falará sobre «Como dirixirse as persoas con discapacidade. Guía de Boas prácticas. Dificultades que poden xurdir nunha visita guiada». Nesta parte do programa participarán ademais María Soledad González Pérez, técnica de Rehabilitación do Centro de recursos Educativos da ONCE; María del Carmen Gónzalez Lloves da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e de Noa Tilve Cabada, psicóloga ACTURACCIA.
A programación sobre a xornada de Turismo Accesible rematará cunha última exposición a partir das 12:45 horas e ata as 14:00 horas na que José Manuel Cabada Álvarez. Presidente de ACTURACCIA abordará «O Turismo para Todos, o mercado de maior crecemento de Europa. O caso de Galicia e as Rías Baixas».
No hay comentarios:
Publicar un comentario