Os técnicos advirten os primeiros escaravellos nas
plantacións de patacas e aconsellan o tratamento contra a lepra das pexegueiras
e pavieiras
En canto ao Mildeu, aconséllase comprobar a efectividade
dos funxicidas e segar a vexetación para non favorecer ao fungo
Os técnicos da Estación
Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, veñen de
detectar os primeiros síntomas do ‘Black rot’ nas viñas da parcela de
seguimento de Vide (O Condado). Ademais, no aviso fitosanitario de hoxe venres
tamén destacan a aparición dos primeiros escaravellos da pataca, o que obriga a
iniciar o tratamento, así como a necesidade actuar nos pexegueiras e pavieiras
afectados por lepra. Como norma xenérica, os especialistas da EFA recomendan
aproveitar os días de tempo estable para aplicar os tratamentos que non se
deron a semana anterior en calquera cultivo ou plantación.
Viña
Os biólogos advertiron xa
os primeiros síntomas da enfermidade do ‘Black rot’ nas viñas da comarca do
Condado, un fungo que se presenta nas follas en forma de círculo no que se
poden ver pequenos puntos negros -nos que frutifica o patóxeno-. Segundo indica
a responsable da Unidade de Artrópodos de Areeiro, Rosa Pérez, “xa esperabamos
a súa aparición debido a que as condicións ambientais húmidas resultan
beneficiosas”.
En todo caso, de
estabilizarse a climatoloxía como anuncian as previsións meteorolóxicas, non se
agarda un avance a curto prazo, pero si se advirte de que no caso de ter que
iniciar un tratamento (xa que o fungo pode chegar a afectar á uva), habería que
utilizar funxicidas contra o Mildeu e o Oidio que teñan compoñentes contra esta
sintomatoloxía, xa que non hai ningún específico para exclusivamente para ela.
Por outra banda, tamén en
relación ás viñas, os técnicos veñen de realizar as primeiras capturas de
couzas dos acios e cicadélidos nas trampas, aínda que o número de insectos
recollido é polo momento moi baixo.
En canto ao Mildeu, as
precipitacións tipo chuvasco foron favorables ao patóxeno, se ben as
temperaturas baixas non foron compatibles coas infeccións. Esta situación,
unida a que a maior parte dos viñedos foron tratados recentemente fixo que apenas
haxa máis manchas da enfermidade. En calquera caso, como a previsión do tempo
anuncia clima estable a partires da fin de semana, recoméndase comprobar os
síntomas e manter a vixilancia. Debe terse en conta que a fixación e
persistencia dos produtos fitosanitarios aplicados redúcese coas chuvias, polo
que é preciso comprobar a eficacia dos tratamentos e volver a aplicar de ser
necesario. Así mesmo, considérase imprescindible manter ben segada a vexetación
na contorna dos viñedos para limitar as condicións favorables ao fungo.
Pataca
Están a aparecer os
primeiros adultos e postas de escaravellos nalgunhas zonas, polo que será
preciso tratar as plantacións se, como está previsto, mellora a climatoloxía.
Así mesmo, tamén é preciso tratar o cultivo contra o Mildeu se non é posible
facer unha vixilancia exhaustiva.
Melocotoeiro e pavieiras
Coa humidade acumulada
dende primeiros de ano estas árbores mostran xa síntomas moi evidentes da
Lepra, unha enfermidade endémica na nosa provincia. A loita contra o fungo debe
realizarse desde o inicio da campaña, ademais dos pertinentes tratamentos
invernais con cobre, mais en calquera caso, os propietarios que non tiveran
realizado ningunha actuación poden limitaren o avance da Lepra a partir deste
momento. Deberán aplicar o funxicida autorizado polo Ministerio para o control,
que é o ziram 76%.
Kiwi
É preciso renovar os
tratamentos contra a bacteriose cando desaparezan as chuvias e se estabilice a
climatoloxía, xa que debido ás precipitacións os funxicidas cúpricos aplicados
estarán lavados.
Maceiras
Non se percibiron cambios
nas colonias de pulgóns laníxeros con respecto á semana pasada na parcela de
Areeiro. En todo caso, se ascenden as temperaturas é posible que non só se
incrementen en número, senón que tamén aparezan outras colonias de pulgón
cinsento e pulgón verde.
Cerdeiras e ameixeiras
Detectáronse os primeiros
síntomas de cribado nas cerdeiras e ameixeiras de diferentes zonas, aínda que a
súa presenza non é importante. Agárdase
que se a climatoloxía se estabiliza non se incrementen a curto prazo.
Pereiras
Obsérvanse os síntomas
característicos do ataque do ‘torcegromos’, un insecto que afecta aos gromos
terminais das árbores. Segundo indica a técnica Rosa Pérez, “normalmente non é
preciso aplicar un tratamento, xa que os danos que produce son menores, a menos
que as plantas sexan moi novas”.
Nota: Os medios que precisen máis
información ou imáxenes dos patóxonos poden utilizar, citando a súa
procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden
contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente
aviso fitopatolóxico.
Pontevedra, 13 de maio de 2016
Saúdos
Gabinete de comunicación
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario