A
directora de Turismo de Galicia participou no Encontro Nacional de Expertos en
Medio Ambiente e Saúde
§
A natureza é a primeira
motivación pola que o visitante escolle como destino a Comunidade, cun 12% de
superficie incluída na rede galega de espazos protexidos
§
Turismo de Galicia ten en
marcha produtos innovadores que aproveitan os recursos endóxenos respectando a
biodiversidade como o termalismo ou a enogastronomía
A directora de
Turismo de Galicia, Nava Castro, aposta por impulsar o turismo sostible xa que
é unha das empresas máis limpas para o desenvolvemento social, económico e
ambiental de Galicia. Nava Castro fixo estas declaracións no Encontro Nacional
de Expertos en Medio Ambiente e Saúde, no que participou cun relatorio sobre o
turismo sostible e a posta en valor do contorno natural como medio de recreo e
de rendibilidade económica.
A directora afirmou que a natureza é unha das
fortalezas de Galicia como destino turístico posto que é a primeira motivación
pola que os visitantes escollen a nosa Comunidade, que ten un 12% da súa
superficie dentro da rede galega de espazos naturais protexidos.
Neste sentido, subliñou que non só hai que
traballar pola protección e posta en valor dos recursos endóxenos, senón tamén
imprimir de sostibilidade todas as políticas turísticas e a actividade dos
empresarios do sector.
Ao respecto, Nava Castro lembrou que un dos
grandes retos que ten o Plan Integral de Turismo de Galicia é converter a
Comunidade nun modelo europeo de turismo sostible, deseñando produtos
innovadores e de calidade que cubran as necesidades do presente sen comprometer
as de xeracións futuras.
A directora puxo como exemplo do turismo
sostible o Camiño de Santiago e indicou que Turismo de Galicia xa está
impulsando outras iniciativas deste tipo en materia de termalismo,
enogastronomía, ornitoloxía, turismo industrial ou mariñeiro, rutas
especializadas como a da camelia ou a da lamprea ou actividades deportivas como
os itinerarios para bicicletas todo terreo. Todos estes produtos, segundo
explicou Nava Castro, sacan proveito dos recursos endóxenos de Galicia sen
interferir na conservación da biodiversidade e do medio ambiente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario