O xefe territorial da Consellería de
Cultura e Educación, César Pérez Ares, considera que as declaracións da
presidenta da Deputación de Pontevedra sobre os convenios asinados cos
alcaldes, “simplemente denotan unha pataleta de Carmela Silva que quedou fora
de xogo ante a exemplar responsabilidade amosada polos alcaldes da provincia,
con independencia da súa cor política”.
O representante da
consellería lembrou que o pasado ano asinouse un convenio no que estaba
involucrada a Deputación, para intervir na conservación e mantemento dos
centros educativos da provincia. “Pero este ano –engadiu– a pesar de que se
convidou ao organismo provincial, dende a Deputación desbotaron reeditar o
convenio”. Nese sentido, Pérez Ares agradeceu aos alcaldes de toda a provincia
que souberan estar a altura das circunstancias e amosasen pola mellora dos
centros das súas localidades, en base ás súas necesidades, coñecidas e
avaliadas pola unidade técnica da Xefatura Territorial.
Por último, o xefe
territorial afirmou que “non se pode falar de favoritismo partidista, cando
resulta que os concellos que máis fondos recibiron están rexidos polo BNG e o
PSOE. Por iso agora, a súa titular busca unha escusa para agachar o seu
exercicio de escapismo, poñendo o foco no caso do concello de Nigrán onde o
investimento maior, que xa está previsto no RAM, e se vai a realizar,
concéntrase no ensino secundario, concretamente en actuacións no IES Val Miñor,
por riba dos 100.000 euros”.
César Pérez Ares
lembrou igualmente que cos concellos de Vilagarcía e A Guarda, ámbolos dous
socialistas, asináronse os dous únicos convenios de colaboración, a través dos
cales Consellería e os respectivos concellos asumen cada un o 50% do custe da
actuación. En concreto, no CEIP de Rubiáns de Vilagarcía acometerase a reforma
do ximnasio, cunha achega de 170.000 euros da Consellería; mentres que no CEIP
As Solanas da Guarda procederase a mellorar o pavillón anexo ao ximnasio, cunha
achega da Xunta de 75.000 euros, sendo instalacións municipais de uso veciñal e
docente.
Como se recordará,
a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a práctica
totalidade dos concellos da provincia –salvo Pontevedra e Vigo, que contan con
plans específicos– asinaron o pasado 5 de maio 58 protocolos e 2 convenios co
fin de mellorar e modernizar un total de 116 centros da provincia, nos que se
inclúen 103 CEIP (centro de educación infantil e primaria) e 13 CPI (centro
público integrado. Trátase, segundo apuntou Pérez Ares, de melloras que
corresponden, na súa maioría, a obras menores que deberon ser executadas no seu
día polos concellos dentro das súas competencias sobre o mantemento e coidado
dos centros e que agora serán executadas, por urxentes, dentro deste convenio.
Estas actuacións
beneficiarán a máis de 25.000 alumnos e alumnas pontevedreses, con
independencia das cores políticas dos concellos e que poñían en valor a
cooperación interadministrativa permitindo garantir unha correcta eficiencia na
xestión dos recursos públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario