§
Teñen esta declaración o
Camiño de Santiago, pioneiro en Europa ao ser o primeiro en obtela, os Camiños
da Vide e a Ruta Viquinga e a das Cidades Termais
§
A directora avoga por impulsar
unha oferta turística multiexperiencial para fidelizar novos públicos cos que
combater a estacionalidade da demanda
A directora de Turismo
de Galicia, Nava Castro, subliñou que a Xunta de Galicia impulsa catro
itinerarios culturais europeos: o Camiño de Santiago, os Camiños da Vide e a
Ruta Viquinga e a das Cidades Termais. A directora fixo estas declaracións esta
tarde na clausura do seminario «Presentando aos Viquingos. Unha perspectiva
Europea», enmarcado nun proxecto europeo para o coñecemento e difusión desta
cultura.
A directora avogou pola integración da
Comunidade neste tipo de itinerarios xa que esta cualificación europea implica
un importante recoñecemento cultural e histórico. Neste sentido, Nava Castro
enxalzou a Ruta Viquinga, integrada no Itinerario Cultural Europeo de Viquingos
e Normandos, que permite realizar un percorrido pola ría de Arousa e polo río
Ulla nunha auténtica embarcación viquinga para recrear o avance das naves deste
pobo invasor durante a Alta Idade Media. A directora destacou que Catoira é o único
socio en España deste itinerario.
A maiores, Nava Castro aproveitou a súa
intervención para incidir na necesidade de impulsar produtos turísticos que
acheguen valor diferencial a Galicia para consolidar a Comunidade como un
destino multiexperiencial.
Neste sentido, a directora explicou que
Turismo de Galicia ten en marcha diversos produtos turísticos innovadores de
carácter experiencial coa finalidade de captar e fidelizar novos fluxos
turísticos cos que combater a estacionalidade da demanda turística na
Comunidade. Nesta liña, Nava Castro exemplificou a aposta do seu departamento
polas Rutas da Lamprea, da Camelia ou do Viño e os Tren Turísticos, o Outono
Gastronómico ou os Centros para Bicicletas Todo Terreo (BTT). Deste xeito,
segundo expuxo a directora, consolidarase unha oferta turística competitiva e
que aproveite os valores endóxenos da Comunidade.
Ao respecto, a directora expuxo que Catoira xa
conseguiu consolidarse como un destino único grazas á oferta diferencial que
ofrece en torno á cultura viquinga. Nava Castro puxo como exemplo a Romaría
Viquinga, que cada mes de agosto concentra a miles de visitantes e que está
declarada como Festa de Interese Turístico Internacional dende o ano 2002. A
directora subliñou o arraigo, orixinalidade e antigüidade desta celebración,
que conta con gran participación popular.
No hay comentarios:
Publicar un comentario