a directora de Turismo de Galicia impartiu unha conferencia na Escola
Familiar Agraria de A Cancela
§
A responsable de Turismo da
Xunta asegura que o sector representa máis do 11% do PIB da nosa comunidade
§
Avoga pola formación dos
profesionais de Turismo e o impulso de produtos innovadores para impulsar unha
oferta multiexperiencial e de calidade
A directora de Turismo de Galicia,
Nava Castro, destacou a importancia do turismo para o desenvolvemento dos
territorios rurais galegos xa que, segundo sinalou, é un sector fundamental na
economía galega que representa o 11% do seu Produto Interior Bruto e o 12% do
emprego. A directora fixo estas declaracións durante a conferencia que ofreceu
esta tarde en As Neves, na Escola Familiar Agraria de A Cancela, onde se
imparte formación profesional en materia de hostalería.
Nava Castro aproveitou a súa intervención
nesta escola de ámbito rural para poñer en valor o turismo como motor de
desenvolvemento destas zonas. Neste sentido, a directora expuxo a necesidade de
dotar ao medio rural galego das infraestruturas e da sinalización axeitada para
facer del un recurso turístico accesible e, por iso, este ano Turismo de
Galicia convocou unha nova liña de subvencións con esta fin.
Así mesmo, enxalzou a formación dos
profesionais como piar imprescindible para o futuro do turismo e para a
consolidación de Galicia como un destino competitivo, máis forte nun mercado
global, e coa calidade como factor diferencial. Ao mesmo tempo, avogou por
ofrecer produtos turísticos innovadores para facer de Galicia un destino
multiexperiencial e cunha oferta desestacionalizadora, atractiva os 365 días do
ano.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que
tanto a formación do sector turístico, que redundará na calidade dos servizos
ofertados, como o impulso de produtos especializados, que atraerán novos fluxos
turísticos, axudarán a aumentar os turistas que recibe a Comunidade. Neste
senso, destacou que no primeiro cuadrimestre deste ano xa chegaron a Galicia
680.000 visitantes, a cifra máis alta dende 2008 e que supón un aumento do 7,3%
en relación ao mesmo período do ano pasado.
En canto á formación do sector, subliñou que o
Centro Superior de Hostalería de Galicia se converteu nun referente no ámbito
da formación turística grazas ao seu marcado carácter práctico e metodoloxía
moderna e eficaz que o diferencian doutros centros similares. Como exemplo,
explicou que o Centro formou a máis de 2.000 directivos que desenvolven o seu
labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo.
Produtos
turísticos innovadores
Por outra parte, Nava Castro puxo en valor a
aposta do Goberno galego polo impulso de produtos turísticos innovadores como a
Ruta da Lamprea, que discorre por dezaoito municipios ribeirenses dos ríos
Tambre, Ulla e Miño para dar a coñecer este pescado e o patrimonio cultural e
natural que o rodea, incluíndo información sobre as artes de pesca empregadas
ou os restaurantes nos que se pode degustar.
Neste sentido, Nava Castro explicou que o seu
departamento colaborou cos concellos de Arbo e Salvaterra para actuar no
contorno fluvial das pesqueiras coa finalidade de mellorar a accesibilidade e a
experiencia do visitante.
Outros produtos turísticos que salientou foron
a Ruta da Camelia, que permite descubrir pazos e xardíns galegos a través desta
flor insignia de Galicia; ou o Outono Gastronómico, orientado á potenciación
das casas de turismo rural a través da combinación de estancias nestes
establecementos coa enogastronomía.
Nava Castro lembrou tamén a iniciativa dos
Trens Turísticos ou o impulso que se está realizando ao enoturismo a través da
promoción das Rutas dos Viños de Galicia, que celebraron as súas V Xornadas de
Portas Abertas este pasado fin de semana nas denominacións de orixe das Rías
Baixas e do Ribeiro e continuarán celebrándose a próxima fin de semana en
Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.
Ademais, afirmou que Turismo de Galicia está
traballando tamén no desenvolvemento de produtos específicos para segmentos de
mercados especializados como a ornitoloxía.
Así mesmo, subliñou o labor continuado que realiza
a Xunta de Galicia para potenciar grandes eventos turísticos e deportivos como
a Volta Ciclista, O Marisquiño ou o Festival Náutico de Vigo e as festas
declaradas de Interese Turístico, que son importantes reclamos pola súa
singularidade como sucede coas celebracións do Corpus Christi de Ponteareas, de
interese internacional, a Festa da Lamprea de Arbo, de interese nacional, ou a
do Requeixo e Mel das Neves, distinguida a nivel autonómico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario