Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 3 de mayo de 2016

AREEIRO ADVIRTE DUN NIVEL DE RISCO ELEVADO POLA AFECCIÓN DE PULGÓNS ÁS MACEIRAS




Os técnicos instan a manter a vixilancia sobre o Mildiu nas viñas a pesares de que as temperaturas frescas das noites son desfavorables para o fungo


A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, no seu aviso fitosanitario de hoxe, ven de advertir dun nivel de risco elevado para as maceiras pola afección dos pulgóns que producen malformacións nos froitos e na madeira. Por este motivo instan aos propietarios desta froiteira a vixiar a potencial aparición de colonias. Así mesmo, sinalan que xa se poden observar os primeiros ovos do insecto coñecido como ‘dragón amarelo’ nos limoeiros, unha praga que pode causar a morte dos árbores en poucos anos se non se controla. Finalmente, sobre o Mildiu detectado nas viñas, non se aprecian avances do fungo grazas ás temperaturas frescas das últimas noites, máis aconséllase extremar a vixilancia a partir do vindeiro martes.

Viña
Nestes momentos o estado fenolóxico xeral da viña é o de acios xa visibles (F) e o Mildiu parece non avanzar máis con respecto á semana pasada. As temperaturas frescas que se están a rexistrar durante a noite (valores ao redor de 7-9 ºC) e primeiras horas da mañá non son favorables ao desenvolvemento do fungo e boa parte dos viñedos con desenvolvemento suficiente da vexetación xa recibiron o primeiro tratamento a semana anterior. Con esta situación, segundo sinalan os técnicos de Areeiro, “non detectamos novos síntomas da enfermidade, nin sequera na parcela de Tremoedo onde atoparamos manchas, e onde puidemos comprobar que a aplicación do tratamento realizado foi eficaz, pois non hai zonas de avance nas manchas que foran detectadas e a esporulación é inviable”.

As previsións meteorolóxicas continúan anunciando tempo estable para os próximos días, e permanencia de temperaturas nocturnas frescas, o que reduce o risco de aparición de novos síntomas. Con todo, é necesario manter a vixilancia, en especial a partir do próximo martes cando, segundo as previsións, poden ascender as temperaturas nocturnas. Con todo, nos viñedos coa vexetación máis atrasada e naqueles onde non apareceron síntomas e aínda non se interveu, a vixilancia debe ser máis intensa, pois o ciclo do fungo xa se iniciou.

En canto a outras pragas da viña, dende Areeiro sinálase que aínda non se deben iniciar os tratamentos para o Oidio, xa que é cedo para que aparezan os síntomas; que non se teñen detectado ácaros nas parcelas de seguimento e tampouco Pedroulo nin outros gorgoxos nas viñas de ningunha comarca, nin sequera nas de evolución máis atrasada.

Maceira
As maceiras entran en nivel de risco elevado en relación ao pulgón cinsento, cuxos ataques mal controlados poden producir deformacións nos froitos, e ao pulgón laníxero, que provoca malformacións na madeira, polo que se debe vixiar a potencial aparición de colonias deste insecto.
Por outra banda, dende Areeiro sinálase que o risco de aparición de ‘moteado’ é baixo. Destacan que nas parcelas de seguimento de Areeiro o desenvolvemento das follas das maceiras é moi incipiente e que as condicións climáticas destes días non teñen sido favorables ao fungo.

Cítricos
Nos brotes de limoeiro en pleno nacemento comezan a observarse os ovos do insecto coñecido como ‘dragón amarelo’, que pode detectarse visualmente con certa atención. Segundo os técnicos débense eliminar os brotes con postas como boa medida para reducir a posterior incidencia da praga, que pode rematar coa morte da árbore en poucos anos. Advirten, en calquera caso, de que a eliminación non se debe facer en plantas novas. Para máis información sobre esta ‘psila’ pódese consultar a Ficha técnica nº 65 Trioza eytreae, psila africana de los cítricos (http://www.efa-dip.org/es/Publicaciones/ftecnicas/Ficha65_1.htm?orden=tipo).

Boj
Nos setos de moitas comarcas da provincia estanse a observar fortes defoliacións causadas polas orugas desta mariposa Cydalima perspectalis, que se está a estender pola nosa xeografía. Para o seu control débese aplicar aceite de parafina tendo a precaución de realizar un tratamento exhaustivo xa que é un insecticida natural que mata por contacto.

Camelia
Débese iniciar a vixilancia pola aparición de brotes novos e o tempo seco, que favorecerán a aparición destes insectos chupadores.

Carballo
En diferentes zonas da provincia estanse a detectar as primeiras defoliacións causadas por orugas. As detectadas e identificadas polo grupo de Areeiro pertencen á especie Operophtera brumata.

No hay comentarios:

Publicar un comentario