INCREMENTAR NUN 5% A SEPARACIÓN DE RESIDUOS SUPORÍALLE Á PROVINCIA UN AFORRO DE 7 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 21 de junio de 2012

INCREMENTAR NUN 5% A SEPARACIÓN DE RESIDUOS SUPORÍALLE Á PROVINCIA UN AFORRO DE 7 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS

Alcaldes, concelleiros e técnicos analizan nunhas xornada sobre a nova lei de residuos a situación da recollida na provincia e as perspectivas de futuro

·       Se se logra a implicación cidadá, a provincia ten capacidade para aumentar notablemente a separación, chegando a duplicala no prazo de dous anos
·       Os participantes incidiron en que unha recollida supramunicipal é moito máis eficiente técnica, ambiental e economicamente que unha recollida individual
·       É preciso lograr que as taxas de recollida cubran o custe do servizo

Os pontevedreses xeramos na actualidade unhas 385.000 toneladas de residuos ao ano, das que só se separan un 10%, cifra que está moi por debaixo da media nacional. Incrementar esta porcentaxe nun 5% non só suporía unha gran vantaxe para o contorno natural, reducindo contaminación e contribuíndo á conservación dos recursos, senón que tería un grande impacto económico na provincia, xa que permitiría un aforro total de 7 millóns de euros anuais.

Así se puxo de manifesto na xornada informativa sobre a nova Lei de Residuos que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial e na que estiveron representados a práctica totalidade dos concellos da provincia, con preto de 130 asistentes entre alcaldes, concelleiros e técnicos.

A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, quen subliñou que se xa na actualidade é fundamental concienciarnos da necesidade de separar, coa entrada en vigor da nova lei éo aínda máis, xa que a nova lexislación supón maior penalización económica polos residuos mal separados.

Pasar do 10 ao 15% de separación

Louzán indicou que pasar do 10% de separación ao 15% suporía no conxunto da provincia un aforro de 3 millóns de euros en concepto de canon de tratamento, aos que habería que sumar outros 4 millóns de euros que se ingresarían pola venta dos envases. Un dato que, ao seu xuízo, tennos que convencer “da necesidade de lograr unha máis eficiente xestión” dos residuos.

Na mesma liña coincidiu o alcalde de Pontecaldelas e membro da executiva da FEGAMP, Perfecto Rodríguez, quen fixo unha análise da situación actual lembrando que a separación do 10% supúxolle aos concellos un aforro de máis de 2 millóns de euros que non tiveron que abonar a Sogama polo tratamento dos mesmos; ao que hai que sumar o 1,5 millóns de euros aforrado en gastos de recollida e 1,5 millóns máis de ingresos polos envases separados.

En total, 5 millóns de euros que repercutiron de forma positiva nas arcas municipais, que son as que cargan co custe da xestión dos residuos.

Incidencia nas arcas municipais

Foi precisamente o custe económico e ambiental que supón o feito de non avanzar na recollida selectiva o que centrou a intervención de practicamente todos os participantes, que incidiron en que na actualidade o servizo de recollida de lixo é altamente deficitario en toda a provincia o que, en palabras de Perfecto Rodríguez, “non é sostible no tempo e está levando aos concellos a incrementar o buraco do seu déficit ou, en moitos casos, a non pagar aos adxudicatarios do servizo”.

Ante esta situación, unha das conclusións centrais da xornada foi que, tanto en virtude das imposicións da propia lexislación, que marca prazos estritos para incrementar a separación de residuos, como pola necesidade de lograr que o custe do servizo sexa cuberto polo cidadán sen que lle supoña unha elevada carga impositiva, a implicación de todos na recollida selectiva e a aposta por un servizo supramunicipal é fundamental.

Duplicar a separación

Nesta liña, os relatores indicaron que a provincia de Pontevedra ten capacidade para incrementar notablemente a reparación correcta dos residuos e, incluso, chegar a duplicar o 10% actual nun prazo non superior aos dous anos.

Para iso, é preciso a implicación de toda a sociedade e unha labor de concienciación e de formación, de modo que os cidadáns saiban que separar, como separalo e, tamén, que beneficios pode supor ese esforzo, que permitiría reducir considerablemente o custe do servizo.

Outro dos elementos que os participantes nas xornadas presentaron como fundamental para abaratar custes e a prestación conxunta do servizo. Neste sentido, insistiron en que unha recollida supramunicipal é moito máis eficiente técnica, ambiental e economicamente que unha recollida individual.

Esta é precisamente unha das vías nas que está traballando a Deputación Provincial que agarda poñer en marcha en breve un servizo provincial polo que xa se amosaron interesados numerosos concellos. Este servizo permitirá establecer, segundo indicou Rafael Louzán, unha negociación directa da Deputación con Ecoembes, Sogama e Ecovidro que podería dar lugar a un trato vantaxoso dado que “non será o mesmo recoller en 1 concello que en 60”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario