§ O CTG lembra que, entre xuño e setembro, aumentan as urxencias derivadas dos accidentes de tráfico, polo que son precisas doazóns de todos os grupos sanguíneos, especialmente do Cero Negativo, coñecido como Doador Universal
O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) anima aos cidadáns a participar na campaña de doazón de sangue “Verán 2012”, que este ano desenvólvese baixo o lema “O teu sangue é vida. Compártea. Doa Sangue”, co obxectivo de obter 40.000 doazóns entre os meses de xuño a setembro.
Para o CTG, o período de verán resulta especialmente delicado no que atingue á doazón de sangue, xa que se produce unha deslocalización dos doadores e doadoras habituais e as necesidades de compoñentes sanguíneos non diminúen, xa que aumentan os accidentes de tráfico. Neste sentido, lembrar que todos os días son necesarias 500 doazóns de sangue para que os centros sanitarios galegos podan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial xa que, grazas a inestimable colaboración dos doadores e doadoras galegos, todos os días poden levarse a cabo nos nosos centros sanitarios unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos.
Grupo Cero Negativo
Nos meses de verán resultan precisas as doazóns de todos os grupos sanguíneos, pero cobra unha especial importancia o Cero Negativo, o grupo sanguíneo coñecido como Doador Universal, xa que é o que adoita utilizarse nas urxencias.
Para posibilitar a doazón dos cidadáns, nos vindeiros meses, as dez unidades móbiles do CTG percorreran as catro provincias galegas e permanecerán operativos os sete locais de doazón de sangue existentes nas sete grandes cidades galegas.
O Centro de Transfusión de Galicia pon a disposición dos cidadáns o seu teléfono gratuíto 900 100 828 e a súa páxina web ctg.sergas.es, para poder consultar os desprazamentos das unidades móbiles, os horarios de atención dos locais de doazón ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue.
No hay comentarios:
Publicar un comentario