Subliña que esta iniciativa non debe usarse como “arma arroxadiza” porque é
un asunto de interese xeral, que reducirá custes aos cidadáns
· Subliña que, aínda que non é
imprescindible, contar con ese dato faría máis doado o estudo de viabilidade
· Lembra que a Deputación inclúe a compostaxe
no seu servizo de recollida e tratamento de lixo, cun proxecto piloto de
composteiros domésticos
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, amosou hoxe o seu desexo de
acadar “a maior celeridade” á hora de decidir a localización da planta de
compostaxe, dado que, aínda que non é algo urxente nin imprescindible, si faría
máis doado o estudo de viabilidade que a Deputación de Pontevedra ten encargado
á empresa Lagares Oca.
Louzán fixo estas declaracións en resposta a preguntas dos xornalistas
nunha rolda de prensa no Pazo Provincial, onde lembrou que a Deputación e o
Concello traballan man a man neste proxecto e é ao segundo ao que lle
corresponde a decisión de onde se situará.
Así, insistiu en que este tema non debe ser utilizado como “arma política”
porque “afecta ao interese xeral do cidadán, xa que lle reducirá custes e
incidirá na mellora ambiental”.
Aínda que recoñeceu que é un asunto complexo e que require dunha
tramitación longa, incidiu en que “este é o camiño” e a Deputación inclúe xa a
aposta pola compostaxe no seu servizo provincial de recollida e tratamento de
lixo, que nestes momentos está en trámite de adxudicación, e no que se incluirá
a distribución de 1.300 composteiros domésticos nos concellos adheridos ao
servizo.
Louzán recalcou a “conexión” existente entre o
grupo de goberno do Concello de Pontevedra e a Deputación á hora de poñer en
marcha a planta de compostaxe e incidiu en que a Administración Provincial deu
cumprida resposta ás demandas de axilidade en todos os trámites dependentes
dela, como a adxudicación do estudo de viabilidade, e que “agora son eles os que nos teñen que dar a
ubicación da planta”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario