O prazo de presentación de ofertas pechouse ás 7 de tarde
do venres
·
O obxectivo da Deputación é que o servizo estea plenamente
operativo a comezos de 2015
Tres empresas optan á xestión do servizo provincial de
recollida e tratamento de lixo, que a Deputación de Pontevedra agarda que estea
plenamente operativo a comezos de 2015 para un total de 21 concellos da
provincia.
Trátase de tres Unións Temporais de Empresas (UTE):
Elsan-Ibisa, Ascan-GEaser-CivisGlobal e FCC-Celta Prix, todas elas cun amplo
percorrido e recoñecida experiencia na xestión de servizos. O prazo de
presentación de ofertas pechouse ás 7 da tarde de onte, pero non se pode dar
por concluído ao 100% porque aínda podería chegar algunha proposta enviada por
correo.
Ao
longo da vindeira semana vaise proceder á apertura do Sobre A (documentación
administrativa), estando previsto que o 15 de outubro se abra o sobre B (oferta
técnica) para sometelo á valoración dun Comité de Expertos que estará integrado
por 5 técnicos: tres da Administración Provincial e 2 alleos.
Unha
vez que os técnicos analicen toda a documentación e elaboren o correspondente
informe, procederase á apertura do Sobre C (oferta económica) para proceder á
adxudicación do servizo.
Segundo
se recolle nos pregos técnicos e no anteproxecto de explotación, o investimento
estimado ao inicio da contrata ascende a uns 4 millóns de euros, dado que a
empresa precisará renovar moitos vehículos, maquinaria e contedores.
Ao
longo da concesión do servizo, que se fará por un prazo de 25 anos, o
investimento superará os 16 millóns de euros.
O
obxectivo da Deputación coa posta en marcha deste servizo é contribuír a
resolver un dos problemas que na actualidade teñen moitos concellos da
provincia, con serios problemas para o mantemento dun servizo que lles resulta
moi custoso e deficitario.
Neste
sentido, o servizo provincial pretende non só reducir custes por medio da
optimización de recursos e rutas, senón tamén impulsar a reciclaxe e a redución
de residuos con campañas de sensibilización e unha forte aposta pola
compostaxe, tanto co reparto de 1.300 composteiros domésticos entre os veciños
e veciñas dos concellos adheridos ao servizo, como coa creación dunha planta de
compost en colaboración co Concello de Pontevedra.
21 concellos adheridos
O servizo
botará a andar con 21 concellos, aos que está previsto que se vaian sumando
outros ao longo dos vindeiros cinco anos.
Cos concellos integrados nestes momentos, confórmanse catro unidades de
xestión: unha para a área de O Condado-Paradanta, integrada polos concellos de
A Cañiza, O Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Pazos de Borbén e
Salvaterra de Miño, con algo máis de 30.000 habitantes; outra para
Deza-Tabeirós Terra de Montes, na que se integran A Estrada, Cerdedo, Silleda,
Agolada, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces e estendéndose ata Cotobade e A Lama,
cunha cobertura próxima ás 57.000 persoas; unha terceira unidade que englobaría
a Barro, Valga e Ribadumia, para unha poboación de case 15.000 habitantes; e
unha última con Gondomar e Mos, para máis de 29.000 persoas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario