A deputada Ana Isabel Vázquez presentou hoxe en rolda de prensa o evento,
que dará comezo este sábado
·
A Deputación
porá en marcha unha exposición itinerante sobre as bandas de música de toda a
provincia
·
Como novidade
nesta ocasión, as seccións de competición establécense en base á dificultade da
obra libre interpretada e non polo número de integrantes da banda
·
Co obxectivo
de promover a composición musical, cada banda terá que interpretar unha peza
dun compositor galego
Un total de 18 agrupacións musicais
participarán este ano na XIII Edición do Certame de Bandas de Música Deputación
de Pontevedra, que se celebrará en Tui, Lalín e Vilagarcía de Arousa.
Así o anunciou esta mañá a deputada provincial Ana Isabel Vázquez nunha
rolda de prensa na que recordou o “apoio decidido” da institución provincial “á
música e á cultura “ e, neste marco, ás bandas de música, que xogan un papel
esencial na dinamización social e cultural da provincia.
Exposición-homenaxe ás bandas
Por iso, subliñou que, ademais do tradicional certame que dará comezo este
sábado en Tui, a Deputación tamén está a traballar na organización dunha mostra
itinerante que levará por aos concellos da provincia a historia e labor das
diferentes bandas de música da provincia.
Unha mostra-homenaxe coa que se quere contribuír ao recoñecemento e posta
en valor dunhas agrupacións musicais que son un verdadeiro signo de identidade
de Pontevedra, onde na actualidade hai unhas 70 agrupacións nas que participan
milleiros de persoas, sendo a segunda provincia con máis bandas de música de
España (só superada por Valencia).
Unhas bandas, quixo destacar Ana Isabel Vázquez, que se atopan entere “as
de maior calidade do mundo” como o demostra os galardóns internacionais que
están a conseguir.
Promoción e impulso
No que respecta ao Certame de Bandas, a deputada destacou que persegue tres
obxectivos fundamentais: apoiar economicamente ás bandas de música; conseguir
que se aprecie e se valoren tanto pola súa calidade como polo seu labor no
ámbito social e cultural; e promover e incentivar a composición musical en
Galicia, para o cal as bandas participantes en cada unha das seccións terán que
interpretar, de forma obrigatoria, unha peza dun compositor galego.
O certame dispútase en tres niveis de competición que, como novidade para
este ano, se establecen en función da dificultade da obra libre que
interpretarán e non segundo o maior ou menor número de músicos de cada
agrupación, como viña sendo ata o de agora. Así mesmo, e para achegar a toda a
provincia o certame, cada unha das seccións disputarase nunha localidade
diferentes.
Deste xeito, Tui acollerá o sábado no Auditorio Municipal a competición das
bandas da Sección Terceira (as de menor dificultade da peza libre); Lalín será
a sede do concurso da Sección Segunda (o día 11 de outubro) e Vilagarcía
pechará o certame coa competición da Sección Primeira, o 18 de outubro.
Nos dous primeiros casos, o certame dará comezo ás 16,00 horas, mentres que
en Vilagarcía será ás 16,30
horas.
En todos os casos, cada unha das bandas interpretará unha obra de libre
elección, outra obrigada e un pasodobre fóra de concurso.
No que respecta á obra obrigada, de compositores galegos, serán as
seguintes:
· Sección
Terceira: Obra “Sangral”, de Israel Quintas, músico mozo e membro da Banda de
Música de Pontevedra
· Sección
Segunda: Obra “Theseus”, de Andrés Álvarez, compositor de numerosas obras para
banda que foron obras obrigadas e libres en diferentes concursos, premiadas e
interpretadas en países como Francia, Bélxica, Holanda, Italia, Xapón ou
Colombia.
· Sección
Primeira: Obra “2013 In memoriam”, de David Cuevas, profesor de composición no
Conservatorio Superior de Música de Vigo e autor de diferentes obras gañadoras
en concursos como é o caso desta que se interpretará no certame e que acadou o
1º Premio no Concurso Internacional “Romualdo Marengo” (Italia) hai tan só uns
meses.
Elevar o nivel compositor e interpretativo
Os tres compositores participaron hoxe na rolda de prensa, onde valoraron o
apoio que a Deputación sempre ofreceu ás bandas de música e que situaron na
base do éxito que actualmente están a obter a nivel mundial e que as sitúa á
cabeza en calidade, a nivel mundial.
Así, subliñaron que iniciativas como o Certame de Bandas permiten non só
dar a coñecer a música de banda e as obras dos compositores galegos, senón que
teñen unha influencia directa na “elevación do nivel compositor e
interpretativo” dos músicos e bandas da provincia e de Galicia.
Premios
Todas as bandas, polo simple feito de
participar, recibirán unha achega económica, que será de 2.500 euros para as
bandas da sección terceira, 3.000 para as da segunda e 3.500 para as da sección
primeira.
Ademais, recibirán premio as tres primeiras
bandas clasificadas en cada sección. Os galardóns son os seguintes:
1º premio 2º premio 3º premio
(achegado por Musical Pontevedra)
Sección primeira: 4.200 € 2.000 € 1.500
€ (cheque compra instrumentos)
Sección segunda: 3.500 € 1.800 € 1.250
€ (cheque compra instrumentos)
Sección terceira: 3.000 € 1.500 € 1.000 € (cheque compra
instrumentos)
A concesión dos galardóns decidiraa un xurado
composto por tres membros en cada unha das seccións e composto por personalidades
de recoñecido prestixio internacional como Bart Picqueur, compositor belga; Lino
Blanchod, director italiano; Francisco Ferreira, director da Banda sinfónica portuguesa; Rafael Montes,
director de orquestra venezolano; Felipe Neri Gil Marrero, director da Banda
Sinfónica de Tenerife e Óscar Navarro, compositor de música para banda e de
bandas sonoras de películas e nominado recentemente aos Premios Goya.
8 agrupacións
compiten en Tui
Na primeira das fases do concurso, que terá
lugar este sábado en Tui, competirán 8 agrupacións de diferentes localidades e
exercerán como xurado Membros do xurado Francisco Ferreira; Rafael Montes e Óscar
Navarro.
A Unión Musical de Coruxo abrirá
as actuacións, baixo a dirección de Francisco Abal Rosales e interpretando como
peza libre The Saint and the City, de
Jacob de Haan. Seguiranlle a Unión Musical de Cabral (Director: Eduardo
González López-Obra libre: O bosque
animado, de Andrés Álvarez); a Banda de Música Popular de Rubiós( Director:
Rafael Pérez Dopeso - Obra libre: Retrincos,
de David Fiuza); a Agrupación Musical de Belesar (Director: Javier Domínguez
Millán- Obra libre: Broken Sword, de
Kevin Houben); a Banda de Música de Sanxenxo (Director: Pedro González
Villarroel- Obra libre: Trips, de
Óscar Navarro); a Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Director: Juan Carlos Díaz
Álvarez; Obra libre: Terra de reis,
de Pere Sanz Alcover); a Nova Lira de Moraña (Director: Luis Manuel Montáns
Fariña - Obra libre: Suite galaica,
de Antón Alcalde) e a Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia (Director:
Jonathan Vázquez Carrera-Obra libre: Festa
na tolda, de Gustavo Freire).
A xornada pecharase coa actuación (fóra de concurso) do grupo de
percusión Perkuka, como grupo
invitado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario