A Deputación provincial destina 465.000 € aos
servizos sociais dos concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de
Pontevedra vén de aprobar as axudas aos
concellos de menos de 20.000 habitantes polas que prestará apoio económico,
de maneira excepcional e extraordinaria, para
que os seus servizos sociais poidan
atender as demandas urxentes dos cidadáns e cidadás que se atopan en situación
ou risco de exclusión social. Terán atención especial aquelas persoas que,
dentro desta situación, teñan menores de idade ao seu cargo. A Deputación destinou a esta liña de axudas
a cantidade de 465.000 €, dos que 365.000 € serán investidos en axudas ao
gasto corrente e, os 100.000 € restantes, para investimento.
Estas
axudas, das que se beneficiarán todos os 53 concellos da provincia de
Pontevedra con menos de 20.000 habitantes, están destinadas a aquelas persoas maiores de
idade, empadroadas en calquera destes 53 concellos, que non dispoñan duns
ingresos suficientes como para facer fronte aos gastos polos que solicitan a
axuda, entre os que se contemplan a alimentación, uso de vivenda, pago de
recibos, pago de produtos de hixiene e de limpeza, pago de produtos de
farmacia, pago de desprazamentos ou apoio á infancia, entre outros.
A relación de concellos beneficiarios, en
orde alfabética, é a seguinte: A Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama,
Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo
Lameiro, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei,
Fornelos de Montes, Gondomar, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario,
Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio,
Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas,
Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces,
Vilaboa e, por último, Vilanova de Arousa.
A contía das axudas distribuíuse entre os 53
concellos beneficiarios atendendo a dous
criterios: en primeiro lugar, o seu número de habitantes e, pola outra
banda, a súa porcentaxe de desemprego.
Os concellos recibirán entre 8.500 e 5.000 €, no caso de gasto corrente, e
entre 2.400 e 1.500 € no caso de investimento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario