O partido será ás 21h. no campo de fútbol de Santa
Mariña en Redondela
O Atlético Arousana de Vilagarcía e O Olivo
de Vigo disputarán a final da Copa Deputación de fútbol feminino o próximo
mércores 22 de xuño no Campo de Fútbol de Santa Mariña en Redondela.
Atlético Arousana e Federación Viguesa de
Peñas Recreativas O Olivo chegan á final despois dun torneo entre 21 equipos,
divididos entre a zona de Pontevedra e a de Vigo. Os partidos desenvolvéronse
entre os meses de abril e maio. O Arousana xogou na zona de Pontevedra e O
Olivo na de Vigo.
A final terá lugar o mércores 22 de xuño, ás
21.00h., en Redondela. A entrada será de balde e realizarase un sorteo de
regalos entre as persoas asistentes. Ao encontro están convidados todos os
equipos femininos que participaron na Copa Deputación, así como as escolas
deportivas municipais da provincia.
Os dous equipos finalistas son referentes no
fútbol feminino galego. As mozas do Olivo veñen de quedar campioas de liga da
Segunda División Nacional Feminina por quinta vez na súa historia. Veñen de
disputar a fase de ascenso á Primeira División, pero quedaron fóra na primeira
eliminatoria. Aínda así, cabe lembrar que si lograron estar na elite do fútbol
feminino na tempada 2011-12 cando competiron na Primeira División,
converténdose no único equipo galego feminino que o logrou.
Pola súa banda, o Atlético Arousana vén de
quedar cuarto na mesma liga da Segunda División. Agora opta ademais a revalidar
o título en disputa, xa que o ano pasado foron as gañadoras da Copa Deputación
na súa primeira edición feminina. O equipo das arousás aspira tamén este ano a
facerse coa Copa Federación ou Galicia, para a que tamén son finalistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario