A DEPUTACIÓN RECIBE 122 SOLICITUDES PARA O CENTRO DE DÍA DE PRÍNCIPE FELIPE - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 29 de junio de 2016

A DEPUTACIÓN RECIBE 122 SOLICITUDES PARA O CENTRO DE DÍA DE PRÍNCIPE FELIPE




Aínda quedan vacantes para os grupos de entre 18 meses e 16 anos


A Deputación de Pontevedra vén de facer pública a listaxe de 103 nenos e nenas admitidas para o centro de día de Príncipe Felipe. Recibíronse 122 solicitudes e , se ben hai listaxe de agarda para o treito de menos idade dos rapaces (de 4 a 18 meses), aínda quedan vacantes para os tres grupos seguintes. Segundo informou a deputada responsable do centro, Eva Vilaverde, a intención é que as peticións entregadas fóra do prazo establecido, e que aínda continúan chegando puntualmente, tamén sexan valoradas e resoltas co fin de cubrir todas as prazas dispoñibles (120).

O centro de día da Deputación de Pontevedra é un servizo que pretende resolver os problemas de atención á infancia por parte das familias en varios tipos de situacións: unidades familiares con escasos recursos económicos para afrontar os gastos de escolarización, contornos familiares onde non é posible unha conciliación familiar e laboral para atender axeitadamente ás crianzas, ou familias con situacións de exclusión e dependencias de calquera tipo.

A Deputación oferta a posibilidade de que os nenos e nenas sexan atendidos despois do horario escolar por parte de educadores para garantir que as necesidades básicas destes usuarios queden cubertas. Existen catro grupos en función da idade dos rapaces e rapazas. O primeiro vai de 4 a 18 meses de idade. Neste caso ofértanse 10 prazas e presentáronse 17 solicitudes para o vindeiro curso. A listaxe de agarda é de cinco persoas, xa que non se aceptaron dúas peticións por aínda non ter nacido o pequeno ou pequena e porque se superaban os criterios económicos establecidos.

O segundo treito vai de 18 meses a 3 anos e ofertáronse 20 prazas, para as que se presentaron 12 solicitudes, todas elas admitidas. No ámbito de tres a sete anos hai 40 prazas e foron admitidos 33 rapaces, e finalmente o treito de oito a 16 anos ten 50 prazas e admitíronse 48 mozos e mozas.

Para acadar unha praza do centro de día os servizos de Benestar da Deputación levan adiante un procedemento complexo coa fin de garantir que os solicitantes teñen os requisitos para ser usuarios do servizo. Así, establécense varias entrevistas coa familia. Unha delas é para dar resposta a un cuestionario psicolóxico, á que se suma unha visita dos traballadores sociais co fin de coñecer de primeira man o contorno familiar no que vive o menor.

Dado que a día de hoxe aínda non están cubertas todas as prazas do centro de día e houbo oito solicitudes que se presentaron fóra de prazo, os técnicos da Deputación continuarán co procedemento ordinario para dar servizo ao maior número de familias posibles. Así, en función das prazas por tramo de idade, e de haber vacantes, serán asignadas as prazas resultantes. No caso de existir listaxe de agarda, ordenaranse segundo a puntuación obtida a partir da última solicitude rexistrada en prazo.

Desta maneira, quedarán en agarda as catro peticións recibidas para o treito entre 4 e 18 meses. Obterán praza, no caso de cumprir os criterios básicos, os interesados que presentaron solicitude para unha praza no treito entre 18 meses e 3 anos, para outra no treito entre 3-7 anos e para os dous solicitantes no treito de 8 a 16 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario