A DELEGACIÓN DA XUNTA EN PONTEVEDRA PON EN MARCHA A COMISIÓN PROVINCIAL DE COORDINACIÓN POLICIAL DE LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS PARA A CAMPAÑA DE VERÁN DE 2016 - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 24 de junio de 2016

A DELEGACIÓN DA XUNTA EN PONTEVEDRA PON EN MARCHA A COMISIÓN PROVINCIAL DE COORDINACIÓN POLICIAL DE LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS PARA A CAMPAÑA DE VERÁN DE 2016




§         O obxectivo desta xuntanza é o deseño de actuacións conxuntas entre a Xunta e o Goberno central en materia de prevención e loita contra os lumes
§         Quedaron designadas as Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) e as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) da provincia

O xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo, e o subdelegado do Goberno na provincia, Antonio Coello, presidiron esta mañá, na planta novena do Edificio Administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o Comité de Coordinación Policial Contra Incendios de cara a posta en marcha de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro.

Na xuntanza estiveron presentes membros do departamento territorial de Medio Rural, da Policía Autonómica e Nacional e responsables da Garda Civil e do Exército, así como o xefe do Servizo de Incendios de Pontevedra, Manuel Francisco.

Durante o encontro, presentáronse os distintos medios cos que se contará na loita contra o lume, así como as competencias que cada un deles terá en relación co Pladiga 2016. Ademais, avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.

Neste senso, resaltouse a importancia da coordinación entre efectivos co fin de acadar cambios dentro do comportamento social que desemboquen nunha redución do dano medioambiental que producen os incendios forestais. O xefe territorial subliñou que “o obxectivo é buscar unha tendencia positiva a medio e longo prazo en canto á diminución do número de lumes e de superficie ardida, e para iso é fundamental a cooperación de todos os axentes implicados: Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Exército, concellos, efectivos de prevención e extinción, voluntarios, propietarios e o resto da sociedade”. Neste punto, recordou os datos de 2015, que amosan que o total de incendios na nosa provincia situouse na cifra máis baixa dos últimos dez anos.

No caso da provincia de Pontevedra, quedaron tamén designadas as Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) dentro de cada distrito forestal sobre as que se intensificará a vixilancia da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil. Establecéronse tamén as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Catorce concellos pontevedreses concentran dezasete parroquias destas 79 parroquias fixadas en toda Galicia.

Este ano, cabe destacar, como novidade, a posibilidade de que as patrullas terrestres poidan despregar vehículos aéreos non tripulados, coñecidos como capacidades de vixilancia RPAS.

Adaptación do Pladiga 2016
A Consellería do Medio Rural blinda nos aspectos esenciais o dispositivo de loita contra incendios. As principais novidades deste plan para 2016 teñen que ver coa ampliación a 3 anos da duración do convenio entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes e pola creación e regularización da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais. Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal, así como a súa implantación na defensa contra os incendios.
O dispositivo contra incendios previsto para a provincia de Pontevedra este ano é similar, en liñas xerais, ao do pasado ano no relativo a números de efectivos. Deste xeito, estará formado polas brigadas autonómicas e municipais –un total de 103 repartidas en 62 concellos, 6 delas nas bases helitransportadas-, os parques de bombeiros, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e os novos Grupos Supranacionais de Emerxencias (GES). A estes efectivos sumaranse os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Nacional e Autonómica e membros dos equipos de investigación, así coma helicópteros e hidroavións do Estado. O depregue do corpo de Cabalería da Garda Civil comezou o pasado 1 de xuño en Tui e unirase cando comece o dispositivo xeral á Cabalería da Policía Nacional.
No total da comunidade, o dispositivo estará composto por 5.700 persoas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, que se reforzará con persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos. No tocante aos medios materiais, contarase con medios aéreos da Xunta e o Estado e motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros adscritos ao plan.
Concienciación da sociedade
Tanto os responsables autonómicos como os estatais, acordaron trasladar de novo un chamamento á colaboración da cidadanía. “A axilidade para alertar dun lume é o maior aliado á hora de evitar danos maiores”, advertiu Antonio Crespo, quen ademais apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da se teñan coñecemento para, así, “conseguir a máxima contundencia legal cos que prenden lume ao patrimonio natural dos galegos”.
Neste senso, establecéronse os niveis de coordinación e transmisión de información co fin de atallar a intencionalidade dos lumes dentro da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais, ademais de que se fixaron as zonas asignadas ao Exército, á Policía Autonómica, Nacional e Garda Civil. Ademais, seguirase a colaborar coa Fiscalía na investigación dos sinistros e continuarase co mantemento da vixilancia no relativo ao cumprimento da Lei 3/2007 de prevención de incendios en Galicia mediante inspeccións periódicas e sancións a todos aqueles que a incumpran.

No hay comentarios:

Publicar un comentario