A empresa “Golfiño, xestión
de ocio” desenvolverá esta asistencia entre xuño e setembro na Lanzada
A Xunta de Goberno da Deputación de
Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do contrato relativo á asistencia
técnica - educativa para desenvolver o programa “Depo Aventura A Lanzada 2016”.
Ó concurso presentáronse un total de 8 empresas sendo adxudicado a “Golfiño,
xestión de ocio” por preto de 120.000 €.
A empresa adxudicataria do concurso
presentou un cronograma de actividades exhaustivo, con opcións alternativas en
caso de climatoloxía adversa, show de maxia e humor para as aperturas das
quendas e actos de clausura con actuacións musicais e baile. Amais, Golfiño
oferta medidas de seguridade e preventivas, máis monitores dos requiridos nos
pregos e con alta especialización, xa que dúas persoas son graduadas en
enfermería, outras con titulación en socorrismo e con formación en linguaxe de
signos.
“Depo Aventura A Lanzada 2016” está
destinado ás nenas e nenos nacidos entre os anos 2003 e 2008 con domicilio
habitual en calquera concello da provincia. Distribuído entre 11 quendas, dende
o 26 de xuño ata o 10 de setembro, desenvolverá no Centro de Vacacións da
Lanzada (San Vicente do Mar, O Grove) actividades relacionadas coa natureza,
artes, teatro, baile, contacontos ou deportes, entre outras, ofrecendo a
posibilidade de que a mocidade participe en actividades que contribúan ao seu
enriquecemento persoal e ao coñecemento de lugares fóra da súa contorna. Deste
xeito ensinaráselles a desenvolvérense nun medio non habitual, potenciando a
súa maduración, desenvolvendo a súa sociabilidade, inculcando hábitos
hixiénicos, alimenticios e de exercicio físico e fomentando o respecto polo
medio ambiente e a conservación da natureza.
Lembramos, ademais, que por primeira vez
este ano, grazas ao convenio coa Fundación La Caixa, reserváronse 300 prazas
para nenas e nenos en situación ou risco de exclusión social, dándolles a
oportunidade de participar no campamento. A Deputación de Pontevedra amosa así
o seu firme compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta na que
ninguén –e, dun xeito especial, as máis cativas e os máis cativos– padeza
dificultades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario