§
Estímase que o proxecto beneficiará a 1.400 estudantes e outras tantas empresas que recibirán incentivos á
contratación cun orzamento inicial de 3,5 millóns, ampliable en caso de que
sexa necesario
§
As consellerías de Cultura e Educación e mais a de Economía, Emprego e
Industria poñen en marcha este novo programa para favorecer a empregabilidade
dos mozos e mozas naquelas empresas onde realizaron as prácticas do ciclo
formativo
§
Os que queiran participar deberán acceder ao Sistema de Garantía
Xuvenil que desenvolve a Consellería de Economía
A Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria e mais a de Economía, Emprego e Industria acaban
de poñer en marcha un novo programa para impulsar a inserción laboral na
Formación Profesional, do que se poderán beneficiar como mínimo 1.400
estudantes e outras tantas empresas. Os conselleiros Román Rodríguez e
Francisco Conde explicaron hoxe no CIFP A Xunqueira de Pontevedra un acordo de
colaboración para favorecer a empregabilidade dos titulados de FP, que poderán
ter un contrato de traballo na empresa onde realizaron a FCT (formación en
centros de traballo) tan pronto obteñan o título.
Segundo explicou o titular do departamento
educativo da Xunta de Galicia, estamos “ante un novo impulso á Formación
Profesional, no que a Xunta exerce de ponte directa entre o sistema educativo e
o mercado laboral, asegurando un posto de traballo para os nosos mozos e mozas
unha vez rematen os seus estudos”.
Neste sentido, asegurou que este programa
beneficiará tanto a alumnos como empresas. Aos primeiros porque se incorporan
directamente ao mercado de traballo con coñecementos precisos e especializados,
xa que poderán desenvolver a súa actividade na compañía onde realizaron as
prácticas do ciclo. Neste contexto tamén salientou o compromiso do seu
departamento á hora de tecer vínculos entre a oferta formativa e o tecido
socioproductivo de cada zona, ben a través da FCT, ou ben mediante o
desenvolvemento de proxectos de FP Dual.
Ata
8.200 euros de axuda
Pero esta iniciativa tamén beneficia, en
palabras de Román Rodríguez, aos empresarios, dado que se nutren de persoas altamente
cualificadas e fornadas nas particularidades do seu centro produtivo. Ademais,
as empresas recibirán incentivos á contratación que poden chegar ata os 8.200
euros, dependendo do tipo de contrato.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía,
Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que este acordo dá resposta a
unha demanda das propias empresas onde os alumnos e alumnas de FP desenvolven
as súas prácticas para que poidan obter un contrato laboral.
Para levar a cabo esta iniciativa, o Goberno galego,
tal e como apuntou Conde, investirá un total de 3,5 millóns de euros en
incentivos á contratación indefinida ou temporal. Este crédito será ampliable
segundo a demanda. A Xunta tamén apoiará a transformación dos contratos
temporais en indefinidos.
O prazo para optar a estas axudas xa está
aberto e rematará o próximo 30 de setembro. A estes apoios sumaranse, ademais,
segundo afirmou Conde, as bonificacións das coutas á Seguridade Social que
poderán ser de ata o 100%.
Información
directa desde o centro a alumnado e empresa
Este acordo de colaboración entre os dous
departamentos do Goberno galego nace ao abeiro do Sistema de Garantía Xuvenil,
dirixido a persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; e do
Programa APROL, orientado a incentivar a contratación nos colectivos máis
sensibles, entre eles o da mocidade.
O novo programa actuará en dous niveis, posto que
facilitará o acceso do alumnado ao Sistema de Garantía Xuvenil desde os propios
centros de Formación Profesional, e favorecerá que as empresas colaboradoras
coa Consellería de Educación no desenvolvemento da FCT poidan acceder ás axudas
do Programa APROL.
Deste xeito, os departamentos de orientación
dos CIFP, que recibirán información específica, informarán ao alumnado da
oportunidade de acceder ao Sistema de Garantía Xuvenil, mentres que os
responsables do departamento de relación con empresas trasladarán ás compañías
coas que colaboran os beneficios do programa de incentivos á contratación
temporal de persoas inscritas no dito Sistema.
Este
mesmo curso
O programa comezará a andar a principios do
mes de xullo, unha vez que os equipos de orientación dos CIFP (Centros
Integrados de Formación Profesional) reciban a formación específica para
desenvolver o proxecto. Por tanto, poderá participar tanto o alumnado que este
curso remata a FCT, co requisito de que pasen 30 días desde a finalización das
súas prácticas, como titulados doutros anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario