AREEIRO RECOMENDA RENOVAR OS TRATAMENTOS CONTRA O MILDEU NA VIÑA DE TODAS AS COMARCAS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 11 de junio de 2016

AREEIRO RECOMENDA RENOVAR OS TRATAMENTOS CONTRA O MILDEU NA VIÑA DE TODAS AS COMARCAS





Os técnicos da EFA constataron a aparición de novas manchas desta enfermidade en todas as parcelas de seguimento, sendo a comarca do Condado a máis afectada e a do Salnés que menos incidencia presenta neste momento
A previsión de precipitacións e temperaturas suaves a partires do luns son as máis propicias para a expansión do fungo que produce esta enfermidade

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de recomendar no seu aviso fitosanitario de hoxe a necesidade renovar os tratamentos contra o Mildeu da viña en todas as comarcas da provincia. Nos casos nos que se xa renovaron os tratamentos recomendan constatar que están sendo eficaces e que a enfermidade non se está estendendo. Os técnicos da EFA, ante as condicións climáticas que se veñen rexistrando desde o luns, con temperaturas nocturnas  que chegaron a acadar os 15 e 16 graos e que son especialmente favorables para as infeccións secundarias, visitaron tanto as parcelas de seguimento como outras de todas as zonas vinícolas da provincia. O resultado foi que constataron a aparición de novas manchas de Mildeu independentemente da variedade da viña, e nalgunha incluso observaron danos nos racimos e nos pámpanos.
Neste momento, a maior incidencia da enfermidade estase observando na comarca do Condado, na que rexistraron síntomas no 100% das parcelas visitadas. Mentres, a comarca que menor incidencia presenta é a do Salnés. En vista das previsións metereolóxicas para a vindeira semana, con precipitacións e temperaturas suaves, os técnicos da EFA recomendan non só renovar os tratamentos senón ademais confirmar a súa eficacia. Neste punto, indican que se deben controlar factores como a adecuada preparación do caldo, as doses, e o estado da maquinaria, así como elixir o momento máis idóneo para a súa aplicación.
No referente á viña, o aviso tamén indica a necesidade de vixiar a evolución de síntomas de Brotite nos grans. En xeral, neste momento este fungo aínda ten unha presenza residual e non se recomenda aínda a realización de tratamentos, agás en casos puntuais. Polo tanto a recomendación é facer seguimento e  valorar, segundo cada caso concreto, a conveniencia de tratar este fungo para que non se estenda.
En relación ao resto de enfermidades da viña como Oidio, Black Rot ou as polillas do racimo non se encontraron novos síntomas significativos.
No resto de cultivos, destaca a recomendación de manter as plantas de pataca protexidas mentres se manteñan as condicións de humidade para protexelas do Mildeu.

Pontevedra, 10 de xuño de 2016
Saúdos
Gabinete de comunicación


No hay comentarios:

Publicar un comentario