A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN OFERTA NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 9.671 PRAZAS PÚBLICAS EN PRIMEIRO CURSO DE CICLOS DE FP PARA 2016/2017 - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 12 de junio de 2016

A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN OFERTA NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 9.671 PRAZAS PÚBLICAS EN PRIMEIRO CURSO DE CICLOS DE FP PARA 2016/2017





§         O vindeiro ano académico arrincarán 7 ciclos de FP Dual na provincia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer a disposición da cidadanía no portal educativo http://www.edu.xunta.es/fp/  o borrador das ordes de oferta de ciclos formativos para o curso 2016/2017, a través do que se ofrecen na provincia de Pontevedra 9.671 prazas en primeiro curso en centros públicos, en 383 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 6.997 forman parte do réxime ordinario – 2.899 en grao medio, 2.938 en grao superior e 1.160 en FP Básica-, mentres que outras 1.613 son do réxime modular para persoas adultas – 758 en grao medio e 855 en grao superior-, 650 do réxime modular a distancia – 150 en grao medio e 500 en grao superior-,  231 en FP Dual – 90 en grao medio e 141 en grao superior-, e outras 180 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa.

En toda Galicia a oferta ascende a 29.337 prazas en primeiro curso en centros públicos (un incremento de aproximadamente o 2,5%), en 1.164 ciclos e programas formativos autorizados.

Esta oferta avanza na implantación dos ciclos adaptados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e ás necesidades do sistema produtivo galego, ao tempo que se axusta á demanda analizada de anos anteriores e á do mercado laboral, unha das claves para a empregabilidade dos titulados na FP galega. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

Aposta pola FP Dual
A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual, de tal forma que no curso 2016/2017 arrincarán 7 ciclos de FP Dual na provincia, 2 deles completamente novos, mentres que o restante son reedicións dos convenios asinados con empresas en anos anteriores, e que decidiron repetir a experiencia ao considerala positiva.

Deste xeito, serán novas as iniciativas de FP Dual nos ciclos de grao superior en Dirección de servizos de restauración, no CIFP Manuel Antonio de Vigo (con Arlea), e en Fabricación de produtos farmacéuticos, biotecnolóxicos e afíns, no mesmo centro vigués (con Lonza Biologics Porriño e CZ Veterinaria).

No referido ás reedicións, comezarán no vindeiro curso novas promocións dos ciclos de grao superior en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra (con Arlea Hotels); do de grao medio en Xestión de vendas e espazos comerciais, no IES a Guía de Vigo (con Media Markt); do de grao medio en Mantemento electromecánico, no IES Politécnico de Vigo (con Benteler); e do de grao superior en Administración e Finanzas, no IES Ricardo Mella de Vigo (con Bosch Security Systems).

Novos ciclos
No referido aos programas formativos básicos dirixidos a persoas con necesidades específicas de atención educativa, como novidade destaca a implantación dos PFB de Reprografía e de Servizos de restauración, ambos os dous no CEE Príncipe Felipe (Pontevedra).

No caso da FP Básica, implantada no curso 2015/2016, amplíase e diversifícase a oferta. Así, serán novos os ciclos básicos de Informática de oficina, no IES Pazo da Mercé (As Neves); de Informática e comunicacións, no IES Escolas Proval de Nigrán (no canto do de Servizos administrativos); e de Electricidade e electrónica, no IES Pedro Floriani (Redondela).

No que atinxe aos ciclos de grao medio e superior en réxime ordinario actualizarase a oferta do anterior ciclo de grao superior en Realización e plans de obra que, coa súa adaptación ao establecido na LOE e no Catálogo de Cualificacións Profesionais, pasa a denominarse Organización e control de obras de construción, que se impartirá no IES Politécnico de Vigo, ademais de no CIFP Someso (A Coruña). Así mesmo, implantarase por primeira vez na provincia o ciclo de grao superior en Hixiene bucodental, no CIFP Manuel Antonio (Vigo); e por primeira vez no IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) o ciclo de grao medio en Sistemas microinformáticos e redes. Ademais, pasa de réxime modular a ordinario o ciclo de grao superior en Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica, no CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario