§ Susana López Abella mantivo unha reunión con colectivos de mulleres, na
que tamén participaron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a
directora de Turismo, Nava Castro
§ Durante este mes de xuño e, como vén facendo habitualmente, a
Secretaría Xeral da Igualdade, convocará unha orde de axudas e subvencións
destinada ao movemento asociativo de mulleres. Este ano a orde terá preto de
200.000 euros
A
secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha reunión coas
asociacións de mulleres, consumidoras e amas de casa para informar das axudas
que a Xunta ten dispoñibles dentro do ámbito da igualdade.
A reunión, na que
tamén participaron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a directora de
Turismo, Nava Castro, contou coa presenza de arredor de 70 persoas, que
puideron coñecer de primeira man o contido destas subvencións convocadas, así
como dialogar, formular dúbidas e necesidades e trasladar calquera outra cuestión
que resultase de interese.
En concreto o obxectivo da reunión celebrada en pontevedra, era dar a coñecer todas as liñas de axuda, que dende o goberno galego e
máis concretamente, dende a Secretaría Xeral de Igualdade, existen para
contribuír á igualdade de oportunidades de homes e mulleres; axudar ás mulleres
vítimas da violencia de xénero, mulleres emprendedoras, mulleres en risco de
exclusión social, etc; así como as subvencións destinadas ao mantemento
das asociacións de mulleres.
Con
eses obxectivos, segundo explicou López Abella, durante este mes de xuño e,
como vén facendo habitualmente, a Secretaría Xeral da Igualdade, convocará unha
orde de axudas e subvencións destinada ao movemento asociativo de mulleres.
Este ano a orde terá preto de 200.000 euros para axudar ao mantemento e para
levar a cabo actividades e programas.
Neste
mes de xuño tamén sairán publicadas no DOG as axudas para o fomento do
emprendemento feminino en Galicia, o programa Emega, cun orzamento de 1,3
millóns de euros.
O
programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en
marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por
mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da
vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos
específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de
facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos
por mulleres.
Anualmente
a Secretaría Xeral da Igualdade convoca unha orde de axudas aos concellos que
este ano ten vixencia plurianual (2015-2016) por un importe de 4,6 millóns de
euros, que inclúe un programa de apoio
aos centros de información ás mulleres, un programa de fomento da conciliación
e un programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
Anualmente
Igualdade tamén convoca unha orde de axudas ás ANPAS de centros públicos para
realizar actividades extraescolares con fin de facilitar a conciliación, cun
importe de 250.000 euros.
A
secretaria xeral destacou que se destinan 1,7 millóns de euros a 60 entidades
sociais que apoian a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Segundo
a previsión das entidades de iniciativa social que resultaron beneficiarias,
atenderán a máis de 4.000 mulleres, fundamentalmente a través de programas
relacionados coa atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, programas
de apoio a mulleres con discapacidade, de acompañamento a mulleres xestantes e
lactantes, programas para favorecer a
inserción laboral de reclusas e ex-reclusas, de acompañamento a mulleres
inmigrantes; por citar algún exemplos.
López
Abella detallou tamén a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e
laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que
se acollan á redución da súa xornada de traballo. O orzamento destas axudas
ascende a 440.000 euros, e a contía que poden percibir as persoas beneficiarias
vai dos 1.700 aos 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada
e do número de menores ao seu cargo.
Supoñen
un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral
a estes efectos, considerando que esta medida favorece tamén a permanencia no
mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares.
Ademais dos varóns, as axudas tamén poden ser solicitadas por familias
monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade
familiar sexa un home ou unha muller.
No hay comentarios:
Publicar un comentario